ALEX&FRED
Quen somos?
2020

Cando Álex e Fred puxeron andar o seu primeiro proxecto de colaboración conxunta, en 2006, xa eran plenamente conscientes de que renunciando ao individualismo e sumando forzas e esforzos, poderían chegar a crear un produto verdadeiramente singular. Durante os seguintes anos estudaron as oportunidades de mercado, probáronse en diferentes campos da industria da moda e o deseño, e crearon e confeccionaron centenares de prototipos ata que tiveron a certeza de que a singularidade do seu proxecto xurdía da súa capacidade para imaxinar e facer realidade coleccións cheas de estilo baixo a denominación Alalá Couture, e pezas gráficas sorprendentes e coidadas ata o último detalle a través de Miranda Priestly, como é o caso da revista galega de tendencias Coralia.

Fred Iglesias (Ourense,1969) é un creador multidisciplinar, graduado en Fotografía pola Escola Mestre Mateo de Santiago, e máster en Deseño e Comunicación Multimedia polo Instituto TRACOR de Madrid. Fred iniciou a súa traxectoria profesional como locutor de radio (Cadena Ser) e como guionista televisivo (CTV), reorientando a súa traxectoria a partir de 2001 cara o deseño gráfico, a fotografía, a ilustración editorial e a moda. Fotógrafo e pintor dixital, Fred é autor, entre outras obras, da novela «Os corpos incompletos» e o álbum infantil ilustrado «Mediterránea, a illa prohibida». Desde 2016 é codirector de MIRANDA PRIESTLY, S.L., empresa editora da revista de tendencias Coralia.

O couturier Álex Regueiro (Santiago, 1977) empezou a coser aos sete anos da man da súa avoa xastra. O seu amor pola moda levouno a estudar patronaxe, corte e deseño con Santiago Bazarra (patronista de Dior, Cardin e Armani) antes de viaxar por todo o mundo para especializarse. Ao tempo que traballaba para os departamentos de deseño de empresas téxtiles como Toypes, estableceuse pola súa conta, abrindo en 1998 o seu propio taller de costura, tarefa que compaxinou con importantes estudos sobre o traxe histórico galego, que lle converteron no artesán de traxe histórico máis premiado de Galicia. Desde 2016 é codirector de Miranda Priestly, S.L., empresa editora da revista de tendencias Coralia.

«Para nós, Alalá é ese lugar, a metade de camiño entre Nova York e Tokio, no que cristalizan as vangardas e correntes artísticas, esa ponte invisible que fai fluír a moda e a cultura en todas as direccións, ese lugar onde se atopan tradición e modernidade»

«Na suma de paixóns, de ideas e de perspectivas está a orixe da verdadeira excelencia. Así o cremos desde que argallamos o noso primeiro proxecto de colaboración. Xa entón sabiamos que renunciando ao individualismo e sumando forzas e esforzos podiamos crear produtos e experiencia singulares»

Alalá no foco